Saltar ao contido principal

Ensalada de fabas e pemento asado

Que leva?

Para 4-6 persoas
  • 2 tarros de fabas grandes (alubia granja) cocidas 
  • 3 pementos asados, pelados e sen sementes 
  • 1 cebola de primavera 
  • pirixel 
  • sal (opcional)
Para o mollo:
  • 2 culleriñas mostaza en pó 
  • 2 culleriñas azucre de cana 
  • 1 culleriña vinagre de Módena 
  • aceite

Como se fai? 

  1. Comeza por preparar o mollo, porque precisa algo de tempo para espesar: disolve nunha cunca dúas culleriñas de pó de mostaza en dúas culleriñas de auga. Disolve tamén o azucre, acrecenta unha culleriña de vinagre e remexe ben. Acrecenta aceite ata que o mollo ocupe uns 125 ml, remexendo para que emulsione. Debe ficar cremoso (espesará co repouso). 
  2. Escurre as fabas do líquido da conserva, lávaas e ponas nun cunco amplo ou fonte. 
  3. Engade o pemento asado cortado en anacos ou tiras, a cebola picada ben miúda, o pirixel e o sal se o usas (na miña opinión, non o precisa). Mestura todo con coidado para non romper as fabas. 
  4. Verque o mollo nun biberón e bótao con moderación e sentido estético (se for posible) sobre a ensalada unha vez servida nos pratos.

Ten en conta que 

Loxicamente, tamén podes preparar a ensalada con fabas frescas ou secas, cocidas na casa. Procura usar unha variedade de pel fina, cocelas no seu punto xusto e retiralas enseguida da auga da cocción para que non rompan.

Asar pementos na casa é moi fácil, non paga a pena comprar pementos asados, que sempre saben a acidulante. So hai que lavalos e metelos enteiros no forno, sen aceite nen nada, a uns 180-200 ºC, ata que se abranden e arruguen. Unha vez asados, déixaos arrefriar tapados e será moi fácil pelalos. Para aproveitar a enerxía que consume o forno, enche a bandexa con todo o que colla; os pementos que non uses nesta ensalada podes usalos outro día nunha shakshuka, nunha marmelada para tomar con queixo etc. 

É interesante ter á man mostaza en pó porque che permite preparar nun momento pequenas cantidades de mostaza variada (con mel, con salvia, con rábano picante... ). Non é demasiado fácil de atopar, aínda que en hipermercados adoita habela.  Se ademais de mostaza en pó tes sementes de mostaza, engade tamén unhas poucas ao mollo.