Saltar ao contido principal

Falafel de garbanzo

Que leva? 

Para 20-25 unidades
  • 250 g garbanzos secos
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 cebola de primavera
  • 1 culleriña de comiño moído (si, moito)
  • 1 culleriña de impulsor (Royal ou semellante)
  • 50 g fariña de garbanzo
  • unha manchea de pirixel (si, moito)
  • pementa negra moída
  • sal

Como se fai?

  1. Poñer os garbanzos a remollo como mínimo 24 h antes, mellor se son 48 h. 
  2. Escurrilos e trituralos nunha picadora ou robot de cociña. Pasalos a un bol.
  3. Picar a cebola cos condimentos, engadir a fariña de garbanzo e mesturar todo no bol cos garbanzos picados. 
  4. Se tes tempo, deixa repousar a masa entre media hora e unha hora, porque a fariña de garbanzo precisa tempo para se hidratar.
  5. Formar boliñas do tamaño dunha noz e aplastalas un pouco. Colocalas nun prato.
  6. Fritir volta e volta ata que estean douradiñas (fanse axiña).
  7. Deixar repousar brevemente sobre papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
  8. Servir con tzatziki e ensalada.

Ten en conta que


Os garbanzos ideais para o falafel son os que veñen partidos e pelados (ver foto), aínda que pode facerse con calquera variedade de garbanzo, incluso con outras legumes ou unha mestura de varias. Cando non teño garbanzos partidos, adoito usar a variedade Pedrosillano, que é pequena e de pel fina.

Non pode facerse con garbanzos de bote. Os garbanzos de bote están cocidos, o falafel faise con legumes crúas. Serían unha especie de croquetas e non terían por que estar mal, pero non sería falafel.

O pirixel pode substituírse por coandro, ou unha mestura de ambos. Eu adoito facer o falafel só con pirixel porque me gusta máis o sabor e porque achega unha gran cantidade de vitamina C, que é importante para asimilar o ferro dos garbanzos.

O falafel conxela perfectamente. Garda as boliñas crúas nunha bolsa ben cerrada, cando as queiras usar non tes que desconxelalas, podes botalas directamente á tixola e fritilas conxeladas.

Onde podo comprar...?

Fariña de garbanzo en tendas de produtos ecolóxicos e algún supermercado.

Non prescindas da fariña de garbanzo: sen ela o falafel non amalgama ben e desfaise ao fritir. Ademais vala necesitar para pakoras, farinata, harira e outras cousas ricas.

Hai garbanzo pelado e partido en tendas indias, paquistaníes ou norteafricanas. Ás veces, en lugares insospeitados, coma o Coviran do Mirador dos Castros, na Coruña.