Que leva?
Para tres persoas que coman ben:
- 600 g espinacas crúas (=2 bolsas)
- 500 g garbanzos cocidos (=1 bote)
- 50 g tomate deshidratado
- uns dentes de allo
- comiños enteiros
- un chorro de aceite
- sésamo torrado
Como se fai?
- Coce as espinacas nunha pota con pouca auga, ou ben no microondas.
- Mentres cocen as espinacas, lava os garbanzos con auga para eliminar o líquido de conserva.
- Escurre as espinacas nun coador.
- Bota un chorro de aceite nunha tixola ampla e pona a lume medio. Doura os allos cortados en rodelas grosas, engade os comiños e despois as espinacas. Remexe durante un par de minutos.
- Acrecenta os garbanzos e remexe con coidado para que non se desfagan.
- Corta o tomate en tiras e engádeo tamén. Remexe un minuto e apaga o lume.
- Esparexe sésamo en cada prato no momento de servir.
Ten en conta que
- Obviamente, podes empregar garbanzos cocidos na casa!
- Axusta a cantidade de allo segundo o teu gusto. Unha variante interesante e deliciosa é empregar allo asado no forno (facelo é tan sinxelo como enfornar cabezas enteiras, sen pelar).
- Podes prescindir dos comiños, pero o seu sabor encaixa moi ben co resto de ingredientes e axudan a dixerir os garbanzos.
- Non cociñes demasiado tempo o tomate para que non amoleza; o seu sabor umami e a súa textura algo correosa engaden interese ao prato.
- Bota o sésamo xusto no momento de servir, non antes, para que non se abrande nin colla color.
- Na miña opinión, este prato non precisa sal.