Saltar ao contido principal

Torta de améndoa

Que leva? 

  • 250 g améndoa moída 
  • 50 g fariña
  • 300 g azucre de cana, mascabado, integral... mellor canto menos refinado 
  • 5 ovos  
  • 2 culleriñas de impulsor (Royal ou semellante) 
  • raspadura de limón 
  • azucre branco moído para cubrir a torta

Como se fai? 

  1. Acende o forno a 180 ºC 
  2. Nun cunco amplo, mestura todos os ingredientes agás os ovos. 
  3. Á parte, bate os ovos, engádeos ao cunco e remexe até obteres unha masa homoxénea. 
  4. Engraxa un molde de forno e verque a masa. 
  5. Enforna 45 minutos a 180 ºC 
  6. Cando estea morna ou fría, desmóldaa e cúbrea con azucre branco moído. 

Ten en conta que 

Hai quen considera que botarlle fariña á torta de améndoa é desvirtuala e rebaixala de categoría, mais nesta cociña somos xente sen lei, allea a conceptos coma pureza ou autenticidade, e facemos o que nos peta. Aínda que é unha cantidade pequena, a min non me parece que lle vaia mal, máis ben todo o contrario.

É importante empregar azucre escuro, porque achega un sabor moi especial. Con azucre branco sairía unha torta vulgar, sen ningún carácter, e excesivamente doce.

Podes usar fariña de trigo ou de espelta, branca ou integral, como prefiras, con calquera delas sae ben. 

Podes moer o azucre branco para cubrir a torta nun muíño de café, faise nuns segundos. Non moas máis cantidade da que precisas porque non se conserva ben, deseguida absorbe humidade.

Para distribuír o azucre moído de maneira regular sobre a torta, o máis sinxelo é poñelo nun coador e axitalo con coidado sobre toda a superficie.