Que leva?
Para 4 persoas- 150 g lentellas
- 2 cebolas
- 3-4 cenorias
- 1 lata grande de tomates enteiros
- 2 culleradas de garam masala
- 2 culleriñas de cúrcuma
- 1 culleriña de comiños
- coandro fresco (para servir)
- pemento e/ou tomate crú (para servir)
- aceite
- sal
Como se fai
- Poñer a xerminar as lentellas (ver indicacións máis abaixo).
- Nunha tixola ampla e fonda, botar aceite que cubra ben o fondo e aquecer.
- Pelar e picar as cebolas e cenorias e saltealas a lume medio-baixo, ata que amolezan as cebolas, xunto coas especias e o sal. Remexer de vez en cando porque as especias tenden a pegarse.
- Escurrir e esmagar os tomates, deitalos na tixola e cociñar 5 min, deben desfacerse.
- Aclarar e escurrir as lentellas xerminadas, botalas na tixola e remexer. Engadir medio vasiño de auga se o precisar.
- Tapar e cocer a lume uns 30 minutos. Comprobar o punto de cocción das lentellas.
- Servir con coandro fresco e pemento vermello e/ou verde e/ou tomate crú picado por riba e acompañar con arroz integral ou branco.
Para que xerminen as lentellas
- Poñer as lentellas en remollo durante 24 h como mínimo.
- Escurrilas, lavalas e estendelas nunha fonte ou prato grande ou un tarro de cristal grande deitado. Deben quedar estendidas, non amontoadas. Tapar mais non completamente, de xeito que poida circular o aire.
- Dependendo das sementes, da temperatura e outras variables, tardarán máis ou menos días. Calcula arredor de 4-5 días.
- Durante a xerminación deben estar sempre húmidas (pulveriza auga con frecuencia), mais non enchoupadas, e tamén aireadas. Coida que estean nun lugar limpo, porque se contaminan con facilidade.
Ten en conta que
Podes usar lentellas convencionais (xerminan sempre), aínda que é moito mellor se son de cultivo ecolóxico.O curry está moito máis saboroso feito de véspera.
O sobrante pódese conxelar.