Saltar ao contido principal

Clafoutis aux cerises

Que leva? 

  • 400-450 g de cereixas 
  • 70 g manteiga 
  • 80 g azucre 
  • 2 ovos 
  • 90 g fariña 
  • un chisco de vainilla (opcional)

Como se fai? 

  1. Aquece o forno a 180 ºC 
  2. Engraxa un molde con parte da manteiga e esparexe dúas culleradas do azucre (colle tanto a manteiga coma o azucre, das cantidades indicadas arriba, non poñas máis). 
  3. Lava as cereixas, quítalles o rabiño, sécaas e déitaas no molde. Deben cubrir case toda a  superficie, sen amorearse. 
  4. Bate os ovos nun bol co azucre, engade a fariña pouco a pouco, a manteiga derretida e a vainilla (raspa un pouco dunha vaina ou bota dúas pinguiñas de esencia). Mestura todo cunhas variñas até obteres un amoado sen grumos. 
  5. Verque o amoado no molde, sobre as cereixas. 
  6. Enforna 35 minutos a 180 ºC 
  7. Serve a temperatura ambiente.

Ten en conta que 

  • O clafoutis é un doce tradicional lemosín (de Lemosin, Francia, non de Lemos, Lugo) e a web está inzada de receitas con máis ou menos variacións. Eu fago a do libro Tender, de Nigel Slater, que é a súa versión persoal e non pretende ser auténtica e verdadeira (se é que tal cousa existe). 
  • A humanidade divídese entre os partidarios descarozar as cereixas do clafoutis e quen se opoñen. Eu téñoo feito das dúas maneiras e prefiro deixar as cereixas con óso, que é a maneira tradicional. Se se quitan, as cereixas soltan líquido e o clafoutis sae máis brando e descolorido. O sabor tamén é un pouco diferente. 
  • Se, de todas maneiras, prefires quitar os ósos, podes facelo cun boli Bic, é fácil e faise axiña. 
  • Sempre que poidas, usa vainilla de vaina, o sabor da esencia de vainilla é un pouco artificial.