Que leva?
Para unha fonte de 30 x 20 x 5 cm:- 800 g allos porros
- 1 cebola grande
- 150 g queixo feta
- 2 ovos
- 6 follas pasta filo
- aceite
- eneldo
- pementa negra
- sal
Como se fai?
- Cortar os porros en rodiñas, lavalos ben e poñelos co eneldo nunha tixola ampla e fonda con pouco aceite.
- Poñer tamén a cebola cortada miúda e saltear, remexendo con frecuencia ata que a verdura amoleza e solte todo o líquido.
- Deixar temperar.
- Cando estea morno, acrecentar os ovos, o queixo esfrangullado e condimentar con sal e pementa.
- Engraxar a fonte e colocar nela 4 follas de pasta filo lixeiramente untadas con aceite. A pasta que sobra polos bordes usarémola para pechar a empanada.
- Verquer o amoado sobre a pasta.
- Untar con aceite 2 follas máis, dobralas ao medio (con ese tamaño abonda para cubrir o amoado) e poñelas sobre o amoado.
- Dobrar o sobrante da pasta da capa inferior sobre a superior, para formar o arró.
- Pincelar con aceite toda a superficie.
- Cun coitelo ben afiado, cortar a empanada en porcións.
- Enfornar a 180-200 º C uns 45 minutos.
Ten en conta que
Cómpre manexar con delicadeza e rapidez a pasta filo para que non se rompa nin se reseque.
É importante que o amoado conteña a menor cantidade de líquido posible para que non molle a pasta.
A prasópita está moito mellor acabada de facer. Se che sobra para o día seguinte, podes recalentala uns minutos no forno para que a pasta se volva poñer crocante.
Onde podo comprar... ?
- Pasta filo en Mercadona, Gadis ou Alcampo.
- Feta en Froiz ou Lidl. Se non atopares queixo feta, substitúeo por queixo danés para ensaladas, haino en calquera supermercado mediano.