Que leva?
Para 4 persoas: - 125 g fariña de garbanzo
- 200 g auga
- 1 pemento vermello
- 3 cenorias
- 1 culleriña de curry
- 1 culleriña de cúrcuma
- sal
- aceite para fritir
Como se fai?
- Mesturar nun bol a fariña coa auga, o curry e o sal. Remexer ben para desfacer os grumos.
- Pelar as cenorias, picalas en cadradiños pequenos e deitalas no bol.
- Cortar o pemento ao medio, desbotar o talo e as sementes, picalo en cadradiños pequenos e deitalo tamén no bol.
- Remexer o amoado para mesturar todo ben, tapar e deixar repousar media hora como mínimo (mellor 1 h ou máis).
- Poñer ao lume unha tixola con aceite abondo.
- Cando estea quente, deitar culleradas de amoado de unha en unha. Dar volta para fritir polo outro lado.
- Ao sacar as pakoras da tixola, deitalas uns instantes sobre papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
- Servir quentes con piri piri (ou outro prebe picante), tzaztiki (ou outra salsa de iogur) e ensalada.
Ten en conta que
A fariña de garbanzo é imprescindible nesta receita pola súa achega en proteínas e para que as pakoras fiquen crocantes por fóra e tenras por dentro. Non a substitúas por outro tipo de fariña. Usarémola tamén para facer faláfel, farinata, sopa ou crackers.O tempo de repouso do amoado é imprescindible para que a fariña de garbanzo se hidrate ben.
As pakoras poden facerse con outros ingredientes, na combinación que che preste: pataca, cebola, cabaza, espinaca, coliflor, brécol...sempre picados en anaquiños miúdos.
Como están boas é acabadas de facer. Axiña amolecen e perden moitísimo.
Aínda que é un prato de orixe india, para min vai perfecto con tzatziki, que é grego/turco.