Saltar ao contido principal

Spanakotirópita / Borek de espinacas e (re)queixo

Que leva?

Para 3 persoas

  • 250 g pasta filo (aprox. 12 follas)
  • 300 g espinacas crúas
  • 100 g requeixo
  • 100 g queixo feta
  • 1 ovo
  • unha chisca de aceite
  • sésamo
  • sementes de nigella

Como se fai?

  1. Aquecer o forno a 180 ºC.
  2. Nunha tixola fonda saltear as espinacas  cunha cantidade mínima de aceite, a lume forte, movendo constantemente para que solten o líquido.
  3. Cando estean (o punto exacto depende do gusto, para min están ben cando comezan a poñerse de cor verde escura), deixar arrefriar un pouco e mesturar co queixo, ovo e requeixo.
  4. Nunha mesa limpa e seca estender tres ou catro follas de masa unha sobre outra. Botar un tercio do recheo estendido nun dos lados longos, sen chegar aos extremos. Enrolar coma se fose unha ensaimada e colocar sobre unha bandexa de forno cuberta con papel antiadherente. [Son consciente de que é unha explicación rara, algún día farei fotos do formado, namentres ver notas abaixo].
  5. Formar os outros dos borek, pincelalos con aceite e esparexer as sementes de sésamo e nigella por riba.
  6. Enfornar decontado a 180 ºC uns 30 min ou algo máis (depende do forno).
Mentres o tes no forno, podes preparar algo para acompañar. O da foto é arroz con curry e uvas pasas.

Ten en conta que

Eu adoitaba preparar spanakotirópita (empanada de espinacas e queixo) máis ou menos improvisando cada vez a partir do que aprendín hai moitos anos dunha amiga grega, pero desde que atopei esta receita non fago outra. Recoméndoche que a leas, porque a miña está copiada case ao pé da letra desa e, sobre todo, porque alí está moito mellor explicado e con boas fotos.

Aínda que as sementes de nigella non son fáciles de encontrar, paga a pena facer o esforzo de buscalas porque son o que dá o sabor tan especial, de oriente medio, ao prato. Ademais poden usarse para outras preparacións, por exemplo pan persa.

Eu nunca lle boto sal, na miña opinión non o precisa.

Cómpre manexar con delicadeza e rapidez a pasta filo para que non se rompa nin se reseque.

É importante que o recheo conteña a menor cantidade de líquido posible para que non molle a pasta.

Onde podo comprar... ?

  • Pasta filo en Mercadona, Gadis ou Alcampo.
  • Nigella en tendas de produtos ecolóxicos.
  • Feta en Lidl. Se non atopares queixo feta, substitúeo por queixo danés para ensaladas, haino en calquera supermercado mediano.