Saltar ao contido principal

Sopa romesco

Que leva? 

  • 1 Kg tomates
  • 100 g améndoas crúas con pel
  • 100 g pan (pode ser reseso)
  • 1 cabeza de allos
  • 3 ou 4 ñoras
  • aceite 
  • vinagre 
  • sal 
  • 1-2 culleriñas azucre de cana 
  • tomiño 

Como se fai? 

  1. Partir as ñoras, retirar talo e sementes e deixalas en remollo varias horas.
  2. Aquecer o forno a 200 ºC e asar os tomates, améndoas e a cabeza de allos, todo nunha mesma bandexa. Colocar as améndoas nun recipiente á parte para poder retiralas cando estean. A cabeza de allos ponse enteira, retírase só a pel fina exterior. Os tomates póñense enteiros, lavados.
  3. Despois de 5-10 minutos retirar as améndoas do forno e meter o pan. 
  4. Os tomates e ellos estarán asados en 15-20 minutos máis. O pan seguramente estará torrado antes, retírao se ves que se pon moi escuro. 
  5. Nun bol de 1 L de capacidade, deitar o pan torrado, os tomates e allos pelados, a pulpa das ñoras raspada e a auga do remollo. Apartar unha presadiña de améndoas (usarémolas para empratar) e botar o resto no bol. 
  6. Engadir sal, azucre, aceite (sen medo) e vinagre e triturar. Cómpre probalo para axustar os condimentos ao gusto. 
  7. Ficará cremoso. Acrecentar auga ata que acade a consistencia desexada. 
  8. Servir a temperatura ambiente, esparexendo unhas améndoas picadas (das que reservamos antes) e tomiño en cada prato.

Ten en conta que 

Esta sopa baséase na salsa romesco, que leva case os mesmos ingredientes, aínda que en diferente proporción. Combina á perfección con espárragos verdes á prancha e un albariño ou godello ben fresquiño.

No canto de améndoas, podes poñer abelás ou unha mestura de ambas.

Non é imprescindible poñer os allos no forno sobre papel de aluminio (como se ve na foto), eu fágoo para que non se mollen co prebe que poidan soltar os tomates, porque, se se mollasen, sería máis incómodo pelar os allos.

O pan, coma o resto de ingredientes, tostámolo para que adquira máis sabor. Non tes por que facelo no forno, podes usar unha torradora ou tixola, se o prefires.

É moi fácil e rápido asar allos no forno. O sabor do allo asado é doce, non picante, e enriquece calquera guiso ou potaxe no que se bote. Podes aproveitar para asar unha cabeza de allos cando uses o forno para calquera outra cousa (unha pizza, por exemplo), e terala lista cando a precises.