Saltar ao contido principal

Remolachummus (Hummus de remolacha)

Que leva?


Para 1 Kg de remolachummus
  • 250 g garbanzos secos (unha vez remollados serán 500 g ou máis)
  • 3 remolachas cocidas (aprox. 450 g, serven as envasadas ao baleiro)
  • tahini
  • aceite
  • zume de limón ou lima
  • sementes de sésamo
  • pirixel
  • sal

Como se fai?

  1. Pon os garbanzos a remollo unhas 12 h. Escúrreos e cóceos con auga limpa segundo as indicacións do paquete (serán uns 45-60 min. en ola de presión tradicional).
  2. Tira a auga dos garbanzos, e ponos nun bol de1 L de capacidade ou máis. Deixa enfriar un rato, ata que estean mornos ou fríos.
  3. Incorpora ao bol as remolachas cortadas en anacos e condimenta co tahini, limón, aceite e sal ata que estea ao teu gusto. Precisa bastante cantidade de todo.
  4. Tritura todo.
  5. Serve untado xenerosamente en pan tostado, cun fío de aceite, sésamo e pirixel picado por riba.

Ten en conta que

Con esta receita sae unha montaña de remolachummus, abondo para convidar moitos amigos. Se non tes previsto montar unha festa, fai menos cantidade, porque se conserva ben (nun tarro de cristal pechado no frigorífico), mais non eternamente.

Esta son dúas receitas nunha: se prescindes da remolacha e fas o resto igual, terás un hummus normal. Neste caso, sérveo con aceite e pemento doce por riba.

Os garbanzos cocidos conxelan ben. Se só queres preparar unha cantidade pequena de hummus, usa os garbanzos que precises e conxela o resto, escurrido, en paquetes pequenos. Serán moi útiles para improvisar unha comida ou enriquecer moitos pratos.

O remolachummus tamén pode facerse con garbanzos cocidos de bote, lavándoos ben do líquido da conserva. É tan sinxelo coma comezar por triturar os garbanzos cunha remolacha e ir engadindo máis remolacha e condimentos ata que acade un punto que che guste.


A vitamina C que conteñen o zumo de limón e o pirixel son importantes para facilitar a absorción o ferro que conteñen os garbanzos. Se substitúes o limón por vinagre, o prato perderá en sabor e en calidade nutricional.

Xa que tes remolacha na casa, por que non te atreves tamén cun chłodnik litewski? é delicioso, bonito e moi sinxelo.

Probei por primeira vez o hummus de remolacha grazas a Leticia, e decontado fíxenme adicta a el. Se nunca o probastes, ide alí a catalo para ter unha boa referencia. Ademais, seguro que almorzar alí vos alegra a mañá, coma a min. Un bico para Leti!

Remolachummus é un nome parvo inventando por min e que a ninguén máis lle gusta, mais como o blog é meu, escribo o que me peta 😛

Onde podo comprar...?

Tahini en tendas de productos ecolóxicos, El Corte Inglés, algún hipermercado.