Que leva?
- 250 g fabas secas (unha vez remolladas serán 500 g ou máis)
- 1,5 Kg cabaza cacahuete
- 5 ou 6 cenouras
- 3 cebolas
- 1 cabeza de allos
- pemento doce ou picante
- aceite
- sal
- ceboliño
Como se fai?
- Pon as fabas (alubia riñon) en remollo 12 h antes de as cociñar.
- Desbota a auga do remollo e coce as fabas en 1,5 L de auga con sal na ola de presión uns 35 minutos. Mentres cocen, podes preparar o resto.
- Nunha tixola ampla e fonda, con pouco aceite, saltea as cebolas e cenouras cortadas en anacos non moi miúdos. Bota tamén a cabeza de allos enteira con pel (elimina só a pel fina exterior, deixa a pel grosa que cobre cada dente).
- Pela a cabaza, córtaa en taquiños e saltéaa tamén. Non é necesario cociñar completamente as verduras, trátase só de darlles unha volta para que adquiran máis profundidade de sabor.
- Cando as fabas estean listas, abre a ola e engade todas as verduras da tixola máis unha culleriña de pemento doce ou picante ou un pouco de cada. Remexe, cerra de novo a ola e deixa cocer 15 minutos máis.
- Saca a cabeza de allos, pona nun prato e esmágaa cunha culler para separar a carne da pel. Desbota a pel e mestura o allo cocido co prebe da potaxe.
- Esparexe ceboliño picado en cada prato no momento de servir.
Ten en conta que
Se esqueces remollar as fabas ou tes présa, podes preparar a potaxe con fabas de bote, que veñen xa cocidas.É máis fácil pelar a cabaza se previamente se aquece un par de minutos no microondas.
A cabaza cacahuete é moi fácil de cultivar e non precisa demasiado espazo. Se tes un pequeno terreo, sementa algunhas a comezos do verán e a comezos do outono recollerás froitos sen apenas esforzo. As cabazas consérvanse ben durante meses e son moi versátiles na cociña, aínda que aquí sexan pouco coñecidas e apreciadas.