Que leva?
Cantidade para compartir con amigos con moita fame- 200 g amidón de mandioca (polvilho)
- 200 g queixo relado ou picado
- 2 ovos batidos
- 50 g leite
- 80 g aceite
- 4 g sal (opcional, depende do queixo)
Como se fai?
- Aquecer o forno a 200 ºC
- Poñer o amidón de mandioca e o sal nun bol.
- Ferver o aceite co leite e verquer sobre a mandioca, mesturando ben.
- Engadir os ovos e remexer ata obter unha masa homoxénea.
- Incorporar o queixo. Quedará unha masa densa e pegañenta.
- Cunha culler, deitar montonciños pequenos de masa (tamaño aprox. pelota de pimpón) sobre una bandexa de forno, deixando separación entre elas porque crecerán coa calor. Non importa se non fican ben formadas, xa se poñerán redondiñas no forno.
- Enfornar unos 17 minutos a 200 ºC, ata que estean douradiños.
Ten en conta que
Hai dous tipos de amidón de mandioca: polvilho doce y polvilho azedo, serven os dous e mesmo poden combinarse. A diferenza está máis na textura dos pãezinhos que no sabor: co doce saen máis esponxosos e co ázedo máis alveolados, máis semellantes á pasta choux (ver fotos). Eu prefiro o azedo, mais os dous están ben.![]() |
| Polvilho azedo = pãezinho alveolado |
Eu aprendín esta receita en casa dunha amiga brasileira. O pão de queijo é típico da súa terra, Minas Gerais, e faise con queijo mineiro. En realidade pode facerse con casi calquera tipo de queixo (e sospeito que incluso sen queixo, pero nunca probei porque a vida é moito mellor con queixo).
Serve calquera queixo que non sexa nin demasiado brando nin demasiado curado. O queixo do país funciona perfectamente. Se é húmido de máis para relalo, pode esmiuzarse. Cun queixo curado, tipo Castela, o pão de queijo sae máis graxo e pesado.
| Polvilho doce = pãezinho esponxoso |
Como está máis rico e xusto ao saír do forno, pero pode conxelarse o sobrante. Desconxela axiña a temperatura ambiente e se ademais se lle dá un toque de forno, quedará case coma acabado de facer.
Onde podo comprar...?
Amidón de mandioca en hipermercados e tendas de productos latinos. En Portugal haino case en calquera supermercado ou tenda.Comprar polvilho é unha boa excusa para unha escapadela a Portugal.

