Que leva?
Para 4 persoas: - 1 vaso de arroz para sushi
- 6 follas alga nori
- aguacate
- cenoura
- ceboliño
- wasabi
- 2 culleriñas vinagre
- 1 culleriña azucre
- 1/2 culleriña sal
Como se fai?
- Pon o arroz nun bol e lávao con auga fría ata que fique medio transparente e a augua deixe de poñerse abrancazada.
- Escúrreo e cóceo a lume medio-baixo con dous vasos de auga uns 15 minutos, ata que consuma toda a auga.
- Mentres, disolve nunha cunquiña o azucre e o sal co vinagre.
- Cando o arroz estea cocido, esténdeo nun prato e condiméntao coa mestura de vinagre, azucre e sal, remexendo con coidado para que se reparta ben.
- Deixa repousar ata que estea morno ou frío.
- Mentres, prepara os ingredientes do recheo; neste caso, trátase de pelar e cortar en tiras a cenoura e o aguacate, lavar o ceboliño e ter á man o wasabi.
- Sobre unha lámina de silicona, pon unha folla de alga nori coa parte rugosa cara arriba e coas mans estende arroz nunha capa homoxénea sobre a metade da superficie da alga ou menos. Molla as mans para que non se che pegue o arroz, pero ten moito coidado de non mollar a alga.
- Coloca sobre o arroz tiras de cenoura, aguacate e un pouco de ceboliño. Podes poñer tamén un chisco de wasabi.
- Enrola coa axuda da lámina de silicona, apretando ben. O borde da alga do final debería pegarse só; se non o fixese, humedéceo un chisquiño de auga (moi, moi pouca).
- Deita o rolo nun prato e forma os demais. Cando teñas todos, corta cada un en 8 pezas iguais. A maneira máis fácil de facelo e ilos dividindo ao medio. O coitelo debe estar ben afiado e húmido, para que non se pegue o arroz.
- Serve con wasabi ao lado, salsa de soia en cunquiñas para mollar e sésamo tostado esparexido por riba.
Ten en conta que
Precisa algo de tempo, pero é moitísimo máis fácil de facer que de explicar.Esta é, máis ou menos, a versión que adoito facer eu, non pretende ser orixinal, auténtica nin verdadeira.
Se non tes arroz para sushi, usa outro arroz branco redondo (non serve vaporizado nin basmati). Aínda que che dea preguiza, non prescindas do lavado, faise para eliminar amido.
A alga non é difícil de manexar, aínda que precisa un pouco de coidado para que non se rompa nin se molle. Se che sobran algas, cerra moi ben o paquete, porque se botarán a perder se colle humidade.
Para o recheo podes usar os ingredientes que prefiras, os que poño nesta recita son só unha suxestión. O importante é que se poidan envolver e cortar con facilidade e, por suposto, que as cores combinen ben. Recoñezo que o principal motivo polo que eu preparo sushi é porque é bonito.
As cantidades de vinagre, sal e azucre que indico aquí son máis ben escasas, condiméntao ao teu gusto, mais ten en conta que a salsa de soia (na que se van mollar os makis no momento de os comer) é moi salgada.
Non se conservan ben, cómpre consumilos no día. Se os tes que preparar cunhas horas de adianto, envolve os rolos en film, gárdaos no frigorífico e córtaos no momento de servir.
Podes probar tamén a facer uramakis, son só un chisquiño máis complicados e quedan espectaculares. En Dime qué cómes hai unha boa explicación con moitas fotos de todo o proceso.
Onde podo comprar... ?
Alga nori en tendas de produtos ecolóxicos.Arroz para sushi, salsa de soia, alga nori e wasabi (incluso vinagre de arroz, que nesta receita non usamos) case en calquera supermercado.