Que leva?
- 2 aguacates
- 1/2 ou 1 cebola de primavera
- 1/2 ou 1 tomate pera ou outra variedade con pouco líquido
- 1/2 ou 1 lima
- tabasco, piri-priri ou chile moído
- un chisco de aceite
- sal
Como se fai?
- Pela os aguacates e ponos nunha cunca.
- Condimenta co zume de lima, sal, moi pouco aceite e tabasco e esmaga todo.
- Corta o tomate ao medio, elimina as sementes e pícao en brunoise (cubos moi pequeniños).
- Engade a cebola tamén picada en brunoise.
- Remexe todo, próbao e axusta os condimentos ao teu gusto.
- Serve con nachos, chips de plátano, crudités ou calquera outra cousa que che preste.
Ten en conta que
Esta non pretende ser a receita autentica e verdadeira do guacamole, é unha versión que a min me gusta e que acostumo facer. Por exemplo, suponse que non existe guacamole sen coandro, que a lima é discutible e que o aceite está de máis. Como esta cociña é heterodoxa, mestiza e un pouco ácrata, facemos o que nos peta. Se tes invitados puristas (é dicir, repunantes) e non che apetece discutir, non llelo presentes como guacamole, chámao guacamaio, por exemplo. Outra estratexia que funciona é afirmar cunha convicción que non deixe lugar a dúbidas que na túa aldea sempre se fixo deste xeito.O guacamole oxídase con moita facilidade, é preferible preparalo no momento ou con pouca antelación e mantelo sempre tapado.
A cantidade de cebola, tomate e lima dependen do tamaño dos aguacates e do gusto de cada quen, por suposto. Co aceite cómpre ser moi prudentes para que non fique pesado, botámolo principalmente para axudar a amalgamar todo. Se os aguacates son bos e están no seu punto, podemos prescindir del.
