Saltar ao contido principal

Ensaladilla para principiantes

Que leva?


  • 1 Kg g ensaladilla conxelada
  • 8 tomates grandes
  • 4 ovos cocidos 
  • Olivas negras
  • Pemento asado 
  • Pepinillos agridoces
  • Maionesa (1 ovo, 150 g aceite, zume de limón, sal)
  • Salsa de soia

Como se fai?

  1. Coce a ensaladilla segundo as instrucións do paquete. Unha vez cocida, vérquea de contado nun coador e déixaa escurrir ben.
  2. Coce os ovos.
  3. Corta unha tapadeira aos tomates e baleira o interior para obter unha cunca. Coa axuda dun coitelo pequeno é fácil. O que quites de dentro, pícao en anaquiños pequenos e escurre o exceso de auga, se o houber.
  4. Cando a ensaladilla estea morna ou fría, mestúraa cos ovos, o pemento, o tomate e os pepinillos, todo picado, máis as olivas (eu poño negras porque me gusta o contraste de cor).
  5. Prepara a maionesa e, se che gusta, condiméntaa cun toque de salsa de soia (se o fas, non poñas sal na maionesa ou pon moi pouco, porque a salsa de soia é moi salgada).
  6. Mestura con coidado a maionesa coas verduras e rechea os tomates.
  7. Adorna con ceboliño ou pirixel (o importante é que sexa verde para que quede bonito).
  8. Gárdao en frío ata o momento de servir.

Como raio se fai a maionesa???? 

  1. Esquece todo o que che contaron sobre que é moi difícil e colle o vaso que vén coa batidora.
  2. Bota dentro un ovo, con coidado de que non caia dentro do vaso ningún anaquiño de casca.
  3. Engade o zume de limón ou lima. Se caese algunha semente, retíraa.
  4. Acrecenta 150 g de aceite e un chisco de sal (opcional). Da cantidade de aceite depende que a maionesa fique máis ou menos espesa.
  5. Pousa a batidora no fondo do vaso e pona en marcha. Cando a salsa comece a emulsionar, vai subindo paseniño a batidora, sen que pare de funcionar, para integrar o resto do líquido. Cando todo o aceite estea emulsionado, xa está lista. Agora podes condimentala, se queres, cunhas pinguiñas de salsa de soia, wasabi ou calquera outra cousa que che preste.
  6. Gárdaa sempre no frigorífico, ben tapada, e consúmea en breve.

Ten en conta que 

A receita é tan simple que, presentada deste xeito, semella algo un pouco máis elaborado, pero, obviamente, os tomates son prescindibles.

Se non tes moito tempo, podes cocer de véspera a ensaladilla e os ovos, pero non prepares a maionesa ata o último momento, porque que non se conserva ben.