Saltar ao contido principal

Empanadico de abóbora com nozes

Que leva? 

Para unha bandexa 30 x 40 cm
Para a masa:
  • 400 g fariña 
  • 100 g azucre de cana 
  • 100 g aceite 
  • 200 g auga 
  • 1 pauciño de canela 
  • 1 culler de anís en gran
Para o recheo:
  • 500 g cabaza 
  • 100 g noces (pesadas sen casca)
  • canela moída 
  • un pouco de azucre de cana

Como se fai?

  1. Poñer nun cazo todos os ingredientes da masa agás a fariña e deixar cocer 10 minutos. 
  2. Mentres, descascar as noces, partilas en anacos e tostalas un pouco nunha tixola sen aceite.
  3. Deitar a fariña nun bol grande.
  4. Pasados os 10 minutos, quitar o pauciño de canela e verquer o contido do cazo, fervendo, sobre a fariña e mesturar ata obter unha masa homoxénea (pode facerse facilmente cunha espátula, non se precisa luxar as mans de momento). 
  5. Cortar a cabaza e láminas cunha mandolina ou coitelo. 
  6. Cortar un trozo de papel de forno do tamaño da bandexa. 
  7. Dividir a masa en dúas metades iguais. Con axuda dun rolo ou dunha botella, estirar unha delas sobre o papel de forno, procurando que fique dun grosor homoxéneo e ocupe toda a superfice. 
  8. Poñer a masa estirada co papel na bandexa. Cubrir coa cabaza e as noces e esparexer por riba canela moída (xenerosamente) e un pouco de azucre. 
  9. Cortar outro trozo de papel de forno do tamaño da bandexa, estirar o resto da masa e tapar a empanada. Como a masa se pega ao papel, é fácil de manexar. 
  10. Cerrar os bordes, facer un buratiño no centro e pinchar a superficie para que non inche no forno. 
  11. Cocer 45 min a 200 ºC 

Ten en conta que 

Esta empanada rara é un cruce de empanadico aragonés con doce de abóbora com nozes portugués que se me ocorreu un día pensando que facer con tantas noces e cabaza que tiña por casa.

Aínda que semelle longo ou complicado, é moi fácil de facer e leva pouco tempo. Non precisa amasado, a masa é fácil de manexar e non se pega.

Podes facelo con fariña branca ou integral, ou na combinación que prefiras. O da foto fíxeno con fariña de trigo integral. Como non precisa desenvolver glute, pódelo facer tamén con fariña de espelta.

Usa azucre escuro de cana, da mellor calidade que poidas, ou panela. Se usas azucre branca sairá máis doce aínda que máis insípido.

Ao tostar as noces intensifícase moito o seu sabor e a textura vólvese máis crocante. Se tes présa podes omitir este paso, pero paga a pena dedicarlle cinco minutos porque mellora moito o resultado final.