Que leva?
Para 4 persoas- 1 monllo de grelos (aprox. 750 g)
- 1 vaso de arroz integral
- 1 cebola
- 3 ou 4 dentes de allo
- aceite
- sal
- pistachos
Como se fai?
- Picar miúdos os grelos e lavalos ben.
- Pelar e picar a cebola e os allos.
- Poñer ao lume unha tixola ampla e fonda cun chorro de aceite e dourar a cebola e máis os allos. O lume non debe estar moi forte, xa que non queremos que non collan moita color.
- Subir o lume e botar os grelos na tixola. Cociñar uns 15 minutos, remexendo con frecuencia para que se fagan por igual e evaporen auga.
- Cando xa non quede líquido na tixola, engadir o arroz, remexendo ben para que se impregne de aceite e se mesture cos grelos.
- Acrecentar o sal e dous vasos de auga (o líquido debe ser o dobre de volume que de arroz, a non ser que o paquete indique outra cousa).
- Baixar o lume e deixar cocer uns 25 minutos (ou o tempo que indique o paquete de arroz), ata que absorba toda a auga.
- Deixar repousar tapado.
- No momento de servir, mesturar unha presada de pistachos en cada prato.
Ten en conta que
O arroz de grelos é relativamente común en Portugal. Alí prepárano con arroz redondo branco, mais eu coido que o integral casa mellor cos grelos. Os pistachos son unha ocurrencia miña para enriquecer a textura e o valor nutricional do prato.Non prepares o arroz con grelos en conserva, agás que esteas de camping ou en situación de emerxencia. Gran parte dos nutrientes e do sabor dos grelos pérdense na auga da cocción; neste prato non se perde nada, por iso o sabor é intenso.
Se tes que preparar a comida de véspera, fai ata o punto 4, garda a tixola tapada e continúa ao día seguinte. Aínda que o arroz integral non se pon tan reseso coma o branco, está mellor feito no día.
