Que leva?
Para 3 persoas- 3 ou 4 patacas
- 1 cebola
- 6 ovos
- 1 monllo de espárragos (aprox. 250-300 g)
- 200 g tomates cherry
- 50 g queixo relado
- aceite
- sal
Como se fai?
Sorpresa: a pesar do nome non é frita, senon que se fai no forno.- Pelar as patacas e cortalas en rodelas grosas (1 dedo). Lavar os espárragos e trocealos. Cocer todo xunto en auga con sal. As patacas deben quedar tenras pero máis ben enteiras, non desfacerse. Levaralles poucos minutos, o tempo depende do tipo de pataca e do grosor das rodelas. Cando estean, verquer nun escurridor e escurrir ben a auga.
- Mentres, picar a cebola e dourala con pouco aceite nunha tixola pouco fonda que poida ir ao forno.
- Cando a cebola estea transparente e comece a coller cor, botar na tixola as patacas cos espárragos e tamén os tomatiños enteiro. Mesturar e apagar o lume.
- Batir os ovos coa metade do queixo e botalos na tixola. Remexer para que se repartan ben todos os ingredientes.
- Esparexer por riba o resto do queixo.
- Enfornar uns 12-15 minutos a 180 ºC, ata que se solidifique.
- Se gusta máis douradiña (moi recomendable), subir á parte superior do forno e poñer no grill 2-5 minutos máis, vixiando que non se queime.
Ten en conta que
Cun pouco de axilidade, dá tempo de preparar todo mentres se quenta o forno (é dicir: comezar por acender o forno), porque as patacas poden cocerse mentres se doura a cebolaUnha ensalada é un acompañamento ideal, a da foto é de rúcola, mazá deshidratada e sementes de cabaza tostadas.
Aínda que o aspecto da frittata é moi semellante ao da tortilla de pataca, a frittata é moito máis lixeira, xa que case non leva aceite.
Collín a idea lendo a receita desta Asparagus & new potato frittata pero despois fixen o que me pareceu. O certo é que unha frittata admite todas as variacións que se queira.

